Sunday 05 de May de 2024

O Concello réndelle homenaxe a Caramuxo Teatro polo seu vinte aniversario coa posta en escena da obra ‘Crisálida’, que reivindica o comercio tradicional


As representacións, que forman parte do ciclo de teatro Todo Público, desenvolveranse no Teatro Colón os días 11 e 12 de marzo

Haberá, ademais, funcións para centros escolares en horario lectivo dentro da programación da Concellaría de Educación

O Concello participará nos eventos do vixésimo aniversario da compañía Caramuxo Teatro coa posta en escena da obra ‘Crisálida’, coa que o grupo coruñés reivindica a importancia do comercio tradicional, poñendo en valor a traxectoria da lonxeva mercería situada na rúa San Andrés.

‘Crisálida’ forma parte do cartel do ciclo de teatro Todo Público, composto por un total de oito espectáculos orientados ao público infantil e familiar. A obra de Caramuxo Teatro representarase esta fin de semana, os días 11 e 12 de marzo no Teatro Colón, ás 18.00 horas, aínda que entre hoxe e mañá haberá diversas funcións matinais dedicadas especificamente ao alumnado de centros educativos da cidade.

Desta maneira, a oferta para público familiar desta fin de semana complétase cunha programación escolar dirixida aos centros educativos de Educación Infantil e Primaria en horario lectivo, con sesións os dous días anteriores ás representacións abertas ao público xeral. As funcións escolares, que se levan a cabo entre este xoves e mañá, venres 10, desenvólvense en colaboración coa Concellaría de Educación e forman parte da oferta de programación educativa do Concello da Coruña.
‘Crisálida’ é o espectáculo número 25 da compañía coruñesa, que cumpre vinte anos de traxectoria. Con esta comedia, Caramuxo Teatro quere poñer en valor a importancia do comercio tradicional nun mundo globalizado, cada vez máis dixitalizado e, desta maneira, facerlle unha pequena homenaxe a este concepto de comercio que crea convivencia e comunidade.

A compañía lembra así que historias e lugares como a mercería Crisálida, máis baseadasnas relaciones humanas e non só no beneficio económico, que deben ser protexidos e recuperados, porque forman parte da nosa historia e do noso patrimonio.

Os anteriores propietarios da mercería, Fernando e Nieves, serán os personaxes protagonistas do espectáculo de Caramuxo Teatro, no que tamén estará representado o novo dono da tenda, Ramón Santos. Crisálida comezou a súa actividade en 1942 e foi en 1918 cando o actual propietario recolleu o traspaso do comercio debido á xubilación dos seus donos orixinais.

Trátase dun espectáculo de máscaras con catro actores (Anahí Taraburelli, Juan Rodríguez,Laura Sarasola e Josito Porto) e máis de 12 personaxes, dirixido pola prestixiosa directora Olga Margallo, con banda orixinal de Davide González e vestiario de Diego Valeiras.

A primeira aproximación dos antigos propietarios co teatro foi coa iniciativa ‘Tras o cristal’, co primeiro PRESCO de Cultura promovido polo Concello, na que Caramuxo Teatro realizou unhas máscaras de Fernando e Nieves que utilizaron para levar a cabo diferentes sketches de humor no escaparate. A acollida foi tan positiva que posteriormente decidiron afondar na historia do negocio e os seus donos para levala aos escenarios.

A programación do ciclo Todo Público

O ciclo de teatro Todo Público ampliou esta primavera a súa oferta coa programación deoito espectáculos que se desenvolven fundamentalmente no Fórum Metropolitano, desde o 11 de febreiro ata o 11 de xuño. ‘Crisálida’ é a única obra que se representa no Teatro Colón, para desta forma renderlle homenaxe a Caramuxo Teatro, compañía coruñesa que dirixe a maioría dos seus traballos ao público familiar e infantil.

Este ciclo, que comezou en febreiro coa representación de ‘Muna’, a cargo de Ganso & Cía, e ‘A illa da deslembranza’, a cargo de Artika, propón unha programación de teatro para maiores de 2 anos, cunha completa selección de espectáculos coa que iniciar as meniñas e aos nenos no teatro e, en xeral, nos mundos creativos, desenvolvendo a súa sensibilidade e memoria emotiva.

O programa de abono está composto por oito espectáculos. Ademais dos xa representados e da propia ‘Crisálida’, as outras cinco obras poderán verse o 25 de marzo, 22 de abril, 13 e 27 de maio e 19 de xuño. Todas as funcións son ás 18.00 horas.

Os prezos das entradas son de 6 euros, aínda que existe un abono, composto por tresentradas para a mesma función, por 15 euros. Os menores de 3 anos teñen que pagar só 2 euros. As localidades pódense adquirir na web de Ataquilla e tamén no despacho de billetes da praza de Ourense, aberto de luns a venres de 11.00 a 15.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas. Tamén no propio Fórum Metropolitano, unha hora antes de cada espectáculo.

As obras restantes incluídas dentro do programa de abono son as seguintes: Crisálida, de Caramuxo Teatro. Sábado 11 e domingo 12 de marzo, ás 18.00 horas no Teatro Colón. A partir de 5 anos. Estrea. Peza de teatro de máscaras.
La niña de las trenzas al revés, de El Callejón del Gato. Sábado 25 de marzo, ás 18.00 horas no Fórum Metropolitano. A partir de 3 anos. Teatro de monicreques, obxectos e proxeccións. Premio Feten 2021 á mellor adaptación escénica. Premio Territorio Violeta, Artes Escénicas e Igualdade.

Wombo Combo, de Galeatro. Sábado 22 de abril, ás 18.00 horas no Fórum Metropolitano. A partir de 6 anos. Teatro con máscaras.

La loka historia de Frankestein, de Acar Teatro del Mundo. Sábado 13 de maio, ás 18.00 horas no Fórum Metropolitano. A partir de 4 anos. Espectáculo de teatro. Premio OH 2019 ao Mellor Espectáculo Infantil e á Mellor Escenografía.
Ás para Alex, de Baobab. Sábado 27 de maio, ás 18.00 horas no Fórum Metropolitano. A partir de 5 anos. Espectáculo de teatro e monicreques. Premio Provincia a Escena na XXV Feria de Teatro Castilla-León.

El soldadito de plomo, de Omar Álvarez Títeres. Sábado 10 de xuño, as 18.00 horas no Fórum Metropolitano. A partir de 4 anos. Teatro de monicreques. Premios de Mellor Espectáculo, Mellor Locución Escénica e Mención Especial no IV Certame de Teatro Infantil do XL Festival Nacional de Espectáculos para Niños, Necochea (Arxentina) 2001